Grupo Edebé
Home / Publicaciones Generales / Galego - Rodeira

Literatura

Lista de autores

Fina Casalderrey

Son mestra. A miña infancia desenvolveuse nun ambiente rural, cheo de vivencias entrañables e de agarimo, aínda que escaso de libros. Se cadra foi por iso que devoraba con ansia os poucos que chegaban ás miñas mans.

    Recordo con agarimo as historias que me contaba o meu pai, as alegres merendas logo de sementar o terreo, as perrenchas por quedar cun gato que atopara nun camiño, a miña primeira escola...

    Ás veces apetéceme mesturar as miñas propias vivencias cos soños, a imaxinación coa fantasía..., e crear historias na miña mente, que só logo de darlles moitas voltas paso ao papel.

    Tamén gozo investigando e aprendendo cousas sobre a cultura da miña terra, da miña xente, que logo procuro compartir cos demais. Así naceron libros como O libro da empanada, Festas gastronómicas de Galicia, escritos sempre en colaboración con Mariano García (o meu marido), ou traballos sobre os hórreos, a climatoloxía e a astroloxía popular, os xogos, o medicamento popular..., nos que, coa participación dos meus alumnos e alumnas, logramos diferentes premios.

    Outra das miñas afeccións é o teatro. Escribilo, dirixilo, ou mesmo representalo, faime gozar extraordinariamente.


Website

Comparte


Buscador